Gaio - Frontal de tradución automática

Xunta de Galicia

Preguntas frecuentes

Que é a tradución automática?

Chámase tradución automática ao proceso informático que traduce dun idioma para outro sen requirir a intervención humana. Normalmente o labor do/a usuario/a limítase a indicar o texto que desexa traducir, o seu formato, o idioma en que se encontra e para que idioma desexa que se traduza. Será a aplicación específica a que realice automaticamente a tradución.

Para que serve a tradución automática?

A tradución automática facilita a tradución de texto e webs de e para idiomas que o/a usuario/a non precisa dominar. Desta forma favorécese a comunicación e/ou o acceso á información, independentemente dos coñecementos lingüísticos da persoa usuaria ou destinataria.

Como funciona o tradutor?

O tradutor está composto por unha serie de módulos polos cales pasa o texto introducido polo/a usuario/a de forma que o último deses módulos devolve o texto na lingua de destino indicada. O primeiro dos módulos separa o texto das posibles marcas de formato e o envía para o segundo, que o analiza morfoloxicamente e este para os seguintes dous, os cales, entre outras cousas, resolven posibles ambigüidades de significado e detectan o equivalente na lingua de destino consultando os seus dicionarios (ten tres: un por idioma e outro bilingüe). Após esas análises o texto pasa ao módulo de transferencia estrutural, que reordena as palabras ou secuencias de palabras segundo certas regras gramaticais que resolven as diverxencias entre a lingua de orixe e a de destino. Por último, xérase o texto xa traducido e devólveselle o formato de orixe.

Como podo traducir texto?

É moi doado: primeiro ten que inserir o texto que desexe traducir na caixa de texto que pode observar na páxina principal, despois debe seleccionar a dirección de tradución e premer o botón Traducir. Por exemplo, se o texto está en galego e o quere traducir para español tes que escoller galego como idioma orixe e castelán como idioma destino nos botóns de idioma que se mostra enriba das caixas de texto e, por último, premer o botón Traducir situado debaixo das caixas de texto. A tradución mostrarase na caixa da dereita. Se quixeres que na tradución se marquen as palabras descoñecidas (palabras non presentes nos dicionarios do tradutor e que por tanto non traduce) para así poder revisalas posteriormente, tes que seleccionar a opción Palabras descoñecidas.

Como podo traducir páxinas webs?

Pode traducir páxinas web nas caixas de texto da tradución de texto e URL. Primeiro ten que seleccionar a dirección de tradución (por exemplo, galego → castelán se o que desexa é traducir unha web do galego para o castelán), despois inserir o enderezo da web (en formato http://www.paxinaweb.com ou semellante) no cadro de texto da esquerda e, por último, seleccionar se desexa que se marquen con asterisco as palabras descoñecidas.

Que diferencia hai entre o vocabulario xeral, o xurídico e o administrativo?

Nas traducións entre galego e castelán, Gaio dispón de tres tipos de vocabularios personalizados: xeral, xurídico e administrativo. O vocabulario administrativo inclúe termos relacionados co ámbito da administración galega, entre os que se atopan nomes propios de lugares e persoas. O xurídico inclúe terminoloxía propia do campo xudicial e lexislativo. Se as súas traducións non están relacionadas co traballo na administración pública ou de xustiza, recoméndase usar o vocabulario xeral.

Para que serve a opción "Palabras descoñecidas"?

Esta opción marca as palabras que non traduce con un asterisco para así indicar as palabras que necesitan revisión. Estas palabras non se traducen por non estaren presentes nos dicionarios do tradutor. As palabras mal escritas ou os estranxeirismos de uso pouco común tamén se marcan con asterisco, por iso é altamente recomendable revisar os textos ou pasarlles un corrector ortográfico antes de traducilos.

Como podo obter os mellores resultados co tradutor?

Existen certos trucos que poden axudarlle a obter unha tradución automática de alta calidade. Estes son os consellos máis relevantes:

1. Corrixa o texto orixinal antes de realizar a tradución. Un tradutor automático non é un corrector, polo cal os erros que teña o texto orixinal afectarán ao seu desempeño. Por exemplo, se traduce a frase “el tendria la libertad” obteremos como resultado “o *tendria a liberdade”, xa que "él" (pronome) e "tendría" (verbo) son palabras acentuadas en castelán e o tradutor identificou, respectivamente, como artigo (“el” sen acento) e como palabra descoñecida.

2. As frases curtas e simples favorecen que as traducións sexan correctas, xa que é máis fácil evitar desta forma posibles ambigüidades. Un texto ambiguo terá como resultado unha tradución ambigua.

3. Coide tanto a puntuación como a sintaxe, elementos fundamentais para a comprensión daquilo que se quere expresar e para a súa correcta transmisión.

4. Evite as expresións coloquiais e idiomáticas xa que talvez causen confusión e dificulten a boa comprensión por parte da persoa tradutora/lectora e, ao mesmo tempo, provoquen erros na tradución.

5. A revisión da tradución é fundamental, xa que os procesos automatizados tenden a empobrecer o idioma.

Por que o tradutor deixou algunhas palabras sen traducir?

A razón principal para que o tradutor deixe palabras sen traducir é que non se encontren recollidas nos seus dicionarios, e isto pode deberse a diversas causas: porque non son correctas (mal escritas, estranxeirismos etc), porque son pouco comúns ou de creación moi recente (tecnicismos, novas tecnoloxías) ou porque non se detectou a súa ausencia.

Que significa o asterisco que aparece ao lado dalgunhas palabras?

O asterisco que marca algunhas palabras indica que estas non foron traducidas por non estaren presentes nos dicionarios do tradutor. No caso da tradución de texto plano isto se indica por un subliñado en azul da palabra. As palabras mal escritas ou os estranxeirismos de uso pouco común tamén se marcan con asterisco, por iso é altamente recomendable revisar os textos ou pasarlles un corrector ortográfico antes de traducilos. Para ampliar os coñecementos lingüísticos do tradutor e, por tanto, os seus dicionarios, existe un formulario mediante o cal pode informar sobre palabras ou expresións ausentes.

Na tradución aparecen os símbolos #/@, que significa?

Os símbolos #/@ poden pertencer ao texto orixinal ou ben indicar algún tipo de erro que se produciu á hora de construír os dicionarios do tradutor.